AAVV San Cristóbal de Portonovo reúnese cos candidatos á alcaldía

    bngaavvportonovo100_290307.jpgSANXENXO > A Asociación de Veciños San Cristóbal de Portonovo ten solicitadas xuntanzas con tódolos partidos que concorren …

    … ás eleccións municipais de Sanxenxo co fin de que lles expliquen o seu programa electoral, e en concreto, os proxectos que teñen en mente para Portonovo. Onte foi a quenda do BNG.

    O candidato do BNG á alcaldía de Sanxenxo participou onte nunha reunión convidado pola Asociación de Veciños San Cristóbal de Portonovo. Roberto Fernández Lores fixo unha exposición global das liñas básicas que ten pensadas para o concello, facendo incidencia en asuntos como a falta de aparcamento da vila de Portonovo, a reordenación do seu espazo portuario ou a aposta pola hostalería e comercio.

    bngaavvportonovo200_290307.jpgO BNG atendeu ademais as demandas dos veciños. Desde a Asociación solicitaron solucións para a falta de vivenda e traballo na vila. Pediron tamén unha casa de cultura con auditorio e solucións para mellorar o servizo do Centro de Saúde. O transporte público, vixilancia nas rúas e a recuperación de ríos e fontes, foron outras das demandas veciñais.

    Os nacionalistas tomaron nota de cara a elaboración do seu programa electoral, que segundo nos informou o candidato Roberto Fernández Lores, sería presentado a mediados de abril. Mañá xa dará a coñecer a súa candidatura no Hotel Galatea ás nove e media da noite.

    A Asociación de Veciños San Cristóbal xa se reuniu con anterioridade cos representantes de Veciños Independentes por Sanxenxo. O vindeiro mes ten organizados novos encontros, co PSOE o día 10 no local da Confraría de Portonovo onde ensaia a Coral, e co PP o día 26 de abril no Edificio Multiusos, en ambos casos ás oito da tarde. Pendente de data está a xuntanza co Partido Galeguista.

    Redacción Salnés