Cambados Pode advirte que a situación do camiño de Tragove está a danar ás empresas da zona

CAMBADOS>  Cambados Pode urxe ó goberno local a pavimenta-lo víal de Tragove, que dá acceso a varias empresas e depuradoras. O proxecto leva meses redactado e conta cunha partida xa comprometida. O executivo local di que non pode executa-los traballos ata que Augas de Galicia acometa unha canalización pendente, algo que segundo José Ramón Abal, non é certo. A súa formación vai presentar unha moción no vindeiro pleno para desbloquea-lo proxecto.

Por este camiño, que dá acceso a numerosas empresas e depuradoras, circulan a diario ducias de vehículos. O vial conta cun proxecto para ser pavimentado elaborado xa no anterior mandato, cando o líder de Cambados Pode formaba parte do cuadripartito local. Agora, xa dende a oposición, José Ramón Abal vai levar ó Pleno da vindeira semana unha moción para que se desbloquee esta actuación.

Porque segundo di José Ramón Abal, os empresarios desta zona de Tragove están fartos de ter que acceder ós seus negocios por unha lameira no inverno e no medio dunha poeira no verán. Pero o problema, di o líder de Cambados Pode non remata aí.

O goberno cambadés indica que esta actuación non se poderá levar a cabo mentres Augas de Galicia non acometa unha canalización pendente, uns traballos que, segundo o líder de Pode, non figuran en ningún documento. Abal advirte que a demora pode supoñe-la perda dos 98.0000 euros que aporta a Deputación de Pontevedra para a pavimentación.

A alcaldesa de Cambados e o novo concelleiro de Obras mantiveron xa unha xuntanza cos empresarios da zona para indicarlles que o camiño, de momento, terá que continuar sen asfaltar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí