BOIRO > O Consello da Xunta declarou á romaría de San Ramón de Bealo no concello de Boiro como Festa de Interese Turístico de Galicia.
O alcalde de Boiro, Xosé Deira, valorou moi positivamente a decisión do Consello da Xunta, que tomou esta determinación despois de revisa-la memoria explicativa e toda a documentación aportada polo propio concello.
Da importancia desta romaría, cuxos orixes datan xa da segunda metade do século XVII, non cabe ningunha dúbida, sendo numerosas as persoas que acoden cada ano a esta celebración, onde se mestura o popular, un xantar campestre e música, co relixioso, con actos litúrxicos durante todo o día. Dase tamén a circunstancia que esta festa está cada ano a coller un maior protagonismo, de aí a solicitude realizada por parte do concello.
Mellora do entorno
Ademais o executivo agarda poder levar a cabo neste espazo un importante proxecto, para a construción dun gran parque periurbano nas proximidades da capela de San Ramón, presupostado nuns 300 mil euros. A zona na que se pretende actuar atópase situada entre o núcleo de Bealo e o río Beluso. En total, unhas 14 hectáreas de terreo. A finalidade desta actuación pasa fundamentalmente por conseguir poñer en valor este entorno natural coa prantación de novas especies de árbores que serán identificadas con placas para organizar unha senda botánica con fins didácticos.
Ademais de mellora-los accesos dos camiños forestais, crearanse rotas e sendeiros, así como tamén unha ampla zona de aparcamento e de acampada. No proxecto contémplase tamén a construción de aseos e habilitaranse tres novas fontes, así como a construción dun estanque e un pequeno anfiteatro. A intención do executivo local non é outra que conseguir converter este lugar nunha gran zona de lecer, para disfrute tanto de veciños como de visitantes.
Redacción Barbanza