Máis de 60 alumnas do Plan Integrado de Emprego de AMICOS accederon xa a un posto de traballo

RIBEIRA> Balance máis que positivo do Programa Integrado de Emprego de AMICOS. Máis da metade das participantes xa accederon a un posto de traballo.

Así o destacaron os responsables da entidade no acto celebrado esta mañá no auditorio de Ribeira para dar a coñecer os detalles desta iniciativa que combina formación teórica e práctica para favorecer ó acceso ó mercado laboral das mulleres con dificultades.

Son moitos os programas que ten en marcha AMICOS en materia de formación laboral. Pero sen dúbida, entre os máis especiais destaca o Programa Integrado de Emprego dirixido a desempregadas da comarca do Barbanza e o programa Pioneiras para fomentar a inclusión de mulleres con discapacidade que residen no rural.

A entidade organizou un acto no auditorio de Ribeira para dar a coñecer estas iniciativas e facer balance, do máis positivo, posto que superan as porcentaxes de inserción previstas.

No que respecta ó PIE, que xa vai pola súa cuarta edición, componse de catro itinerarios formativos: comercio, almacén e industria, formación transversal e limpeza.

Ademais da formación teórica, as alumnas realizan prácticas en diversas empresas da comarca. Conta co apoio das administracións que buscan fomentar a igualdade de oportunidades no eido laboral dende unha perspectiva de xénero.