A reordenación do tráfico nas casas baratas desata as críticas dos conductores

    RIBEIRA> A instalación dos semáforos definitivos no centro de Ribeira espertou as críticas de moitos veciños que ven como os novos dispositivos están a ocasionar constantes retencións. Os problemas de circulación agraváronse estes días coa reordenación do tráfico que se está a levar a cabo nas rúas adxacentes á avenida de Miguel Rodríguez Bautista. O concello de Ribeira está a executar un plan de mobilidade urbana co fin de mellorar a circulación no casco urbano. Con este obxectivo, procedeuse á instalación de semáforos na rúa Miguel Rodríguez Bautista, unha das máis transitadas xa que supón o principal acceso ó centro da vila e nas súas inmediacións situase un centro escolar, a policía local e nacional e os xulgados. Os veciños quéixanse de que, lonxe de mellorar o tráfico, a instalación dos semáforos contribúe a crear máis atascos e retencións, especialmente nas horas punta. A estes problemas súmanse agora os derivados da reordenación do tráfico que se está a acometer na contorna das casas baratas. Os cambios de dirección dalgunhas rúas fan que o barrio conte cunha única saída e supoñen tamén un prexuízo para os usuarios dos garaxes. A maioría dos condutores e, especialmente os residentes da zona, consideran que non era necesario acometer esta reordenación xa que afirman que o tráfico era máis fluído antes da instalación dos semáforos. Pola súa banda, o concello saíu ó paso das críticas aclarando que foi preciso acometer estes cambios circulatorios para evitar os cruces á esquerda nas rúas Canarias e Mariño de Rivera que ocasionaban numerosos problemas. Agora, os condutores que desexen baixar por algunha destas dúas rúas deberán circular polas casas baratas, con saída no semáforo situado na esquina do colexio O Grupo. estas modificacións, que se comezaron a aplicar provisionalmente o longo destes días, serán definitivas a finais de semana. O executivo non descarta introducir novos cambios segundo vaian determinando as necesidades do tráfico.