O pósito denuncia o impacto das obras da autovía no banco de Beluso

    pontebeluso_100_090407.jpgRIANXO > A Confraría de Rianxo vén de solicitarlle a Pesca que se respecten os informes sobre a ocupación da enseada de Beluso polas obras da autovía.

    As obras para a construción da futura autovía do Barbanza obrigaron á expropiación dunha parte do banco natural de Beluso, onde se instalarán os pivotes dun viaducto que discorrerá en paralelo ó xa existente.

    Co fin de chegar a un acordo para minimizar as consecuencias que poidan ter as obras sobre a actividade extractiva, o patrón maior, Baltasar Rodríguez, e unha delegación de mariscadoras a pé mantiveron hai uns días un encontro con responsables da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o xefe de obra da empresa construtora.

    O dirixente do pósito solicitoulles que se respecte o informe de ocupación elaborado no seu día pola administración autonómica que aconsellaba a utilización de pedra nos laterais e areísca no centro para evitar danos ós bancos marisqueiros. Segundo denuncia Baltasar Rodríguez, na actualidade estase a utilizar area en lugar de pedra, que co temporal se espalla ata os bancos que non están afectados polas obras provocando a mortandade do marisco.

    Tras escoita-las reivindicacións dos productores, tanto a bióloga da Xunta de Galiicia, María Cancelo, como o técnico do Centro de Investigacións Mariñas, Carlos Durán, comprometéronse a facer un seguimento da obras con constantes mostraxes.

    A enseada do banco de Beluso constitúe unha das zonas marisqueiras máis produtivas da Ría de Arousa con concesións de ameixa fina, xapónica e berberecho. Por este motivo, se os danos continúan, a confraría non descarta tomar medidas de presión chegando mesmo a paralización das obras.

    Redacción Barbanza