VILAGARCÍA > A asociación veciñal quixo agradecerlles ás dúas institucións as axudas recibidas e que lles permitiron realizar moitas melloras no lugar.
A asociación de veciños de Aldea de Arriba, en Cea, quixeron renderlle unha homenaxe á Deputación de Pontevedra e ó Concello de Vilagarcía para agradecerlle as axudas que lles deron nos últimos anos e que permitiron realizar múltiples obras na parroquia.
Moitas desas obras para mellorar viais de acceso e construír de muros foron supervisadas polo presidente provincial, Rafael Louzán e o alcalde, Javier Gago, nesa visita á parroquia na que os veciños lles explicaron os traballos desenvolvidos e as principais necesidades que teñen agora.
Tamén aproveitaron para explicarlles a súa historia, xa que no seu momento quedaron fora da comunidade de montes e tiveron que constituír a súa asociación e loitar para sacala adiante. E chamando ás portas da Deputación e do concello conseguiron poñer dacordo ás dúas institucións para levar adiante as obras necesarias no lugar. A Deputación puxo os cartos e o Concello a maquinaria e a man de obra.
E por iso os seus responsables, recibiron esta homenaxe coa que os veciños lles agradeceron os seus esforzos e lles pediron novas axudas coas que poder seguir arranxando a parroquia. Entre esas novas obras, estaría a mellora do camiño que circunda o lugar e o campo de fútbol. Ademais dos homenaxeados, participaron nesta festa outros membros da corporación municipal de Vilagarcía, como o actual voceiro do PP e candidato á alcaldía, Tomás Fole, e o concelleiro socialista Rodríguez Cuervo.
Redacción Salnés