‘A beira do mar’ corta a estrada principal da Illa como protesta

    A ILLA > Os veciños da Illa afectados por costas cortaron a estrada á altura do Piorno. Durante algo máis dunha hora mantiveron o principal acceso á Illa totalmente pechado ó tráfico, o que provocou considerables retencións. A Garda Civil acudiu ó lugar e levantou acta do sucedido, pero non obrigou a desaloxar e finalmente foron os propios veciños os que desconvocaron a protesta. Anque non por moito tempo.

    corteestradaailla_300_120407.jpgAseguran que a imaxe da foto se podería repetir moi a miudo se non lles fan caso. Os veciños da Illa afectados por Costas cortaban ás 3 da tarde o principal acceso á vila para protestar polo inicio dos embargos ós expedientados. O que máis indigna ós veciños da zona do Cabodeiro é o comezo das obras na nova urbanización que queda xusto diante das súas casas, en primeira liña de praia.

    Na zona podiamos ver hoxe o levantamento de terra, que aseguran inclúe area da praia debido á cercanía. E mentres este edificio é legal e está detrás da liña de costas, as dúas casas que se ven na imaxe e que están máis lonxe do mar sí están afectadas. Os veciños sospeitan que a nova urbanización conta co beneplácito das altas instancias porque hai propietarios moi influíntes que mercaron piso aí.

    Os veciños están indignados. Cren que a lei non é igual para todos e que os políticos fan o que queren para defende-los seus intereses anque prexudiquen a todo un pobo. Incluso os políticos locais, que é o que máis lles doe.

    Os veciños están dispostos a chegar a onde faga falla. Hoxe mantiveron o corte durante algo máis dunha hora. A Garda Civil achegouse ata o lugar e tomou nota de todo o sucedido pero non deu orde de dispersa-la zona. Finalmente foron os propios veciños os que levantaron o corte anque coa firme intención de seguir dando guerra. Polo menos, ata que alguén os escoite.

    Redacción Salnés