BOIRO> A investigación realizada pola Garda Civil de Boiro, no marco da denominada operación ‘Mystica’, iniciábase xa no mes de xuño, ó ter coñecemento o Instituto Armado de que o agora arrestado, un veciño da localidade de 39 anos, se dedicaba a distribución de substancias por diferentes puntos da comarca do Barbanza.
Dende aquela os axentes fixéronlle un seguimento especial que deu coma resultado a súa detención o venres pasado, ó sorprendelo nun establecemento hostaleiro de Cabo de Cruz realizando un intercambio de droga.
Tras o seu arresto, e xa con autorización xudicial, procedeuse a realizar tamén un rexistro no seu domicilio, onde os axentes localizaron unha gran cantidade de substancias: 109 gramos cocaína, 804 gramos de haxíx, 2,82 gramos de MDMA e 15 doses de LSD.
No rexistro tamén se interviñeron outros útiles empregados na manipulación da droga, así como tamén un puño americano tipo Taser de descargas eléctricas, un teléfono móbil, un vehículo e máis de 1.300 euros en efectivo.
O prendido, que foi posto a disposición do Xulgado de Ribeira, xa ingresou en prisión preventiva e sen fianza. Dende a Garda Civil destacaron a colaboración cidadá, clave para o éxito desta operación, que permitiu desartellar un importante punto de venda de droga na zona.











