Panos Brancos para acabar coa apatía social contra o narcotráfico

    fundacioncontranarcotrafico100_120407_001.jpgVILAGARCÍA > ‘Galicia está inundada polos catro costados de cocaína’. Esta afirmación tan contundente realizouna Felipe Suárez, …

    … o presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico. Foi durante a presentación da Campaña Panos Brancos, que se desenvolverá entre o 4 e o 11 de maio.

    A Fundación Galega Contra o Narcotráfico anunciou hoxe os actos da segunda edición de Panos Brancos Contra a Droga dicindo que esta campaña ten agora máis sentido que nunca. Felipe Suárez advirte que hoxe en día a situación do narcotráfico é máis grave que nos tempos da Operación Nécora en 1990. Pero o máis grave para a Fundación é a apatía social.

    panosbrancos2006_200_120407.jpgEn maio desenvolverase Panos Brancos contra a Droga, cos obxectivos de aumentar o grao de sensibilización social e implicar a toda a sociedade no rexeitamento ó narcotráfico. O día 4 os actos centrais serán en Vilagarcía. A partir das doce do mediodía lerase un manifesto na Praza de Galicia e logo sairá a manifestación portando a bandeira branca que será logo colocada no balcón da sede da Fundación, na mesma praza.

    Este día a Fundación pediu a colaboración do comercio local para que peche a esta hora e se sume ós actos. Tamén se dirixiu ó Parlamento de Galicia para que ese día a presidenta lea na cámara unha declaración institucional e para que se despracen a Vilagarcía os voceiros dos grupos parlamentarios. Ademais solicitoulle que inste á Xunta a declarar o 4 de maio como Día de Panos Brancos contra a Droga.

    A campaña durará ata o día 11, cando se fará unha nova concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía, ás oito e media da tarde e logo se soltarán globos brancos contra a droga.

    Redacción Salnés