Gago espera aprobar o presuposto deste ano antes das eleccións

    javiergago100_130407.jpgVILAGARCÍA > O goberno municipal presentou hoxe un presuposto para este ano que ascende a 26 millóns de euros, 1,4 millóns máis …

    … que no exercicio anterior.

    Segundo explicou o alcalde Javier Gago, é un orzamento que trae boas novas, que recolle tódolos compromisos, e que ademais non compromete á futura corporación municipal. O alcalde entregou xa á oposición a súa proposta de orzamento e espera que poida ser aprobado a finais deste mes ou como máximo na primeira semana de maio. O obxectivo é sacalo adiante antes das eleccións municipais xa que segundo advirte logo podería atrasarse ata outubro ou novembro.

    Gago afirma que estas contas cumpren os requisitos da Lei de Facendas Locais, cun aforro neto positivo e unha carga financeira que mantén o capital vivo por debaixo do 110 por cento. Ademais indica que neste presuposto, por primeira vez o Concello dispón de case un millón de euros de ingresos correntes para financiar investimentos, o que evita pedir un préstamo elevado.

    No apartado de gastos, destacan os máis de 9,4 millóns de euros para Servizos Sociais, Culturais e Deportivos, o que supón un 36 por cento do orzamento. Para cumprir compromisos destínanse 15 mil euros para equipos de compostaxe doméstica, 36 mil euros para certamen feirais, 350 mil euros para festexos e 450 mil para actividades e convenios culturais, para a concellería da Muller vai unha partida de 339 mil euros, mentres que para Acción Social, 3,2 millóns de euros, e a Fundación Deportiva manexará un presuposto de 990 mil euros. Outras actuacións destacadas son a pavimentación de rúas con 960 mil euros, ou a ampliación da casa cultural de Trabanca Badiña e a adquisición do terreo para a de Faxilde.

    Redacción Salnés