Respaldo maioritario á candidatura de Cores Tourís en Cambados

    presentacioncorestourisfeijoo100_120407.jpgCAMBADOS > O PP ten claro que en Cambados estará en xogo a maioría absoluta. O presidente rexional Alberto Núñez Feijóo, …

    … non esquece o que pasou na Xunta e pediu ós cambadeses que apoien a un equipo de ganadores. Así o fixo onte á noite na presentación da candidatura que encabeza o actual alcalde José Manuel Cores Tourís.

    presentacioncorestourisxente200_120407.jpgUn auditorio ata os topes acolleu onte á noite a presentación da candidatura que presenta o PP ás eleccións municipais en Cambados. Moitos alcaldes da comarca se achegaron á Xuventude para apoiar a este equipo encabezado por José Manuel Cores Tourís, que estivo acompañado nesta ocasión por altos cargos do PPdeG. Ata Cambados desprazouse o presidente rexional Alberto Núñez Feijóo e o presidente provincial Rafael Louzán, ademais do secretario xeral Alfonso Rueda, vello coñecido no municipio onde foi secretario do Concello. Nas butacas da Xuventude destacou ademais a presencia de numerosos membros do Cabido da Confraría de Pescadores, co seu patrón maior á fronte.

    presentacioncorestourisrosa200_120407.jpgO acto comezou presentando unha a unha as 27 persoas que conforman a lista do PP. Tal como a definiu Cores Tourís, é unha candidatura igualitaria renovada, con experiencia e capacidade para seguir gobernando, cunha media de idade de 36 anos e representativa de tódolos sectores e parroquias. O candidato tivo palabras de agradecemento para os actuais edís que deron relevo a caras novas, en especial para Rosa Oubiña, a quen definiu como ‘o meu brazo dereito’. Cores Tourís insistiu en que o seu é un partido forte, preparado para resolver retos e que conta con xente preparada para gobernar. O candidato popular asegura que son unha garantía de goberno, e dedicoulle estas palabras ós seus adversarios electorais: ‘mentres uns divagan, o poeta escribe, o outro ve como voan os paxaros, nós traballamos’.

    presentacioncorestouris200_120407.jpgO PPdeG quixo deixar claro nesta presentación que o 27 de maio estará en xogo a maioría absoluta que vén ostentando nos últimos anos en Cambados. Ó igual que vén facendo noutros concellos, Núñez Feijóo advertiu que BNG e PSOE teñen un pacto previo para sacar ó PP do goberno e por eso lle pediu a Cores Tourís que non goberne se non é a lista máis votada.

    Feijóo puxo o exemplo do que está a pasar no bigoberno da Xunta. Falou de crises no sector primario, na industria e nos servizos, e non esqueceu os conflictos locais con consellerías como Vicepresidencia, Vivenda, Medio Rural, Sanidade ou Pesca, ou incluso co Ministerio de Sanidade, pola Lei do Alcohol: ‘Eu vos pido que na próxima festa do Albariño invitedes á ministra de Sanidade a probar o albariño, que non fai mal a ninguén’. O presidente dos populares galegos lembrou que quedan 47 días para celebrar outra festa, a da liberdade do voto democrático e amosouse convencido que irá para Cores Tourís.

    Redacción Salnés