PONTECESURES> Nova xornada de protestas dos traballadores de Nestlé en Pontecesures contra o ERE que prevé 27 despedimentos na planta. A concentración deste martes tivo lugar ás portas da fábrica coincidindo coa segunda xornada de folga indefinida. O seguimento, segundo asegura a CIG, está sendo masivo cun apoio do 100%. Dende a central insisten en que non hai causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen o ERE.
Coincidindo coa segunda das xornadas de folga indefinida, os traballadores da planta de Nestlé en Pontecesures organizaron este martes unha concentración ás portas do centro. A protesta coincide cunha nova reunión negociadora en Barcelona.
Dende o comité de empresa salientan o apoio masivo que están a ter as súas mobilizacións por parte do persoal. Falan dun seguimento masivo da folga, cun paro total nas dúas primeiras xornadas.
Insisten en que non hai causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen o ERE. Explican que aquí se producen de media unhas 60.000 toneladas de produto ao ano e que nestes momentos a planta sitúase preto do seu pico de máxima produción. Reclaman o mantemento dos 27 postos de traballo que están en xogo. Porén, de seguir adiente co expediente regulador, presionan para reducilo ao máximo.
No conxunto de España o ERE afectaría a máis de 300 persoas. A planta cesureña sería unha das máis prexudicadas ao contemplar aquí 27 despedimentos, isto é, o 14% do cadro de persoal, composto nestes momentos por uns 200 traballadores.











