![]()
MEIS > O proxecto da autovía Pontevedra – Vilagarcía mantén en vilo a numerosos veciños e empresas do Concello de Meis, …
… un dos principais afectados polos catro itinerarios formulados no estudo informativo e de impacto ambiental. Tele Salnés Barbanza falou hoxe cun grupo de propietarios de Paradela. Están moi preocupados polas súas vivendas e terreos pero tamén indignados pola falta de información que teñen.
O prazo para presentar alegacións ó estudo informativo e de impacto ambiental da autovía Vilagarcía Pontevedra rematou hoxe. Sen embargo, a pesares dos 15 días que boubo de prazo algúns propietarios de terreos afectados aínda o souberon onte e fixeron as súas alegacións a correr. É o caso dun grupo de veciños da Paradela, nesta zona da parroquia unha das alternativas formuladas por Política Territorial, a denominada ‘oeste’, leva por diante varias vivendas e extensións agrícolas, ademais dun pazo e a recen inaugurada capela de San Gregorio que construíron os propios veciños. ‘En cen metros leva 4 casas e a estrada vai pegada a outras’, indica unha das afectadas Silvia Prado.
Estes veciños están preocupados polo futuro das súas propiedades e denuncian falla de información e desamparo por parte das autoridades pertinentes. Aseguran que onte estiveron toda a tarde correndo avisando ós veciños que puideron e facer as súas alegacións. As principais críticas van dirixidas ó goberno municipal por terse preocupado máis por outras zonas do municipio e esquecerse das vivendas de Paradela.
‘Aquí non veu o alcalde a preocuparse, nós pedimos que nos axuden, porque isto non é unha broma’, asegura Silvia Prado. Outro veciño, Manuel Prado, afirma que foi ó concello a falar co alcalde e que este se atopaba de viaxe polo que quedou sen información. Algúns propietarios afectados, como María Esther Hermida non entende como é que pasan a autovía dividindo unha parroquia, ‘é moi triste, non nos paramos a pensalo porque é para chorar’, engadiu. Os veciños esperan unha confirmación oficial de que o itinerario ‘oeste’ non sexa finalmente o elixido por Política Territorial.
Redacción Salnés








