Cambios nos primeiros postos da lista do BNG con respecto á anterior candidatura

    presentacionlistabng_100_160407.jpgRIBEIRA > O BNG de Ribeira presentou a candidatura completa que concorrerá ás vindeira eleccións municipais do 27 de maio.

    Moitas novidades no equipo confeccionado polo BNG ribeirés para conforma-la candidatura con respecto á proposta dos pasados comicios. Ademais da súa cabeza de lista, Dominga Brión, só se mantén entre os primeiros postos a actual edil Ana Álvarez que pasa do sexto lugar ó terceiro.

    O número dous da lista é Xosé Luís Groveiro, actual responsable local da formación. En cuarto e quinto lugar figuran, Luis Teira, responsable da asociación cultural ‘Altofalante’ e a enxeñeira Ánxeles González.

    Segundo a candidata nacionalista, Dominga Brión, o equipo que encabeza está integrado por ‘14 homes e 14 mulleres competentes, preparados, coñecedores da realidade do municipio e con ganas de traballar para o avance de Ribeira’

    Ademais de constituír unha lista totalmente paritaria, nos primeiros postos intégranse representantes de tódalas parroquias. O BNG mesmo apostou nesta candidatura por englobar tamén a aqueles ribeireses na diáspora coa incorporación de Luís Fernández Axeitos, vicepresidente da Federación de Asociacións Galegas en Arxentina.

    Os nacionalistas agardan contar co apoio maioritario da cidadanía para converter a Ribeira nun referente a nivel comarcal e autonómico.

    Redacción Barbanza