POBRA> A Pobra conmemora este domingo o Día de Rosalía cunha proposta gastronómica. A asociación Arrancadeira repartirá ‘Caldo de Gloria’ no Cantón da Leña, nunha xornada amenizada con música e baile tradicional.
Para a conmemoración do Día de Rosalía, o concello da Pobra segue na súa liña de colaboración coas entidades sociais do municipio. Desta volta, foi Arrancadeira a que realizou esta orixinal proposta que se desenvolverá o domingo a partir das doce da mañá no Cantón da Leña.
Os asistentes poderán degustar o ‘caldo de gloria’ sobre manteis ilustrados con poemas de Rosalía, cedidos pola Fundación que leva o nome da escritora.
Tras esta xornada festiva, o luns terá lugar o acto institucional cunha ofrenda floral na praza de Rosalía á unha do mediodía.