A xustiza alonxa a Promalar de Alfageme

    xulgadoalfageme copia.jpg SALNÉS> Un auto do xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra desestima o recurso de reposición interposto pola firma da familia Lago.

    O xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra vén de emitir un auto no que desestima o recurso de reposición interposto no seu día pola firma Promalar e que mantiña en suspenso a resolución do proceso de liquidación de Alfageme. No auto, o xuíz explica que durante o procedemento si se tivo en conta a proposta de convenio realizada polo grupo da familia Lago, pero ó presentarse fóra dos prazos legais non puido ser tida en conta, un feito que derivou na apertura de oficio da liquidación dos bens da sociedade Bernardo Alfageme.

    A xustiza aplana así o camiño para a adxudicación da marca conserveira ó Consorcio Conservero Español, unha entrega que podería atarse nun prazo dunha semana, segundo explicou a este medio o representante de CCOO-Arousa, Fernando Ramos. O peche da operación suporá a volta á actividade das fábricas de Ribadumia e Vilaxoán e a incorporación ó traballo de 150 operarias.

    Redacción Salnés