Leopoldo López di que veu a Galicia para reunirse con ‘vítimas da ditadura de Maduro’

CAMBADOS> O líder opositor venezonalo argumenta que tivo que desprazarse a Galicia para reunirse con compatriotas exiliados.  Logo de ser interceptado pola Policía Local de Cambados tomando algo nun bar, Leopoldo López asegura que non incumpriu ningunha norma e que non foi multado. Unha versión que non coincide coa da Policía, que xa está a redactar unha proposta de sanción.

A imaxe que ven é do momento no que o líder opositor venezolano foi localizado en Cambados, na praza de Fefiñáns, tomando algo nunha terraza dun bar, con familiares e amigos.

Alí foron sorprendidos pola Policía Local de Cambados, no marco dun control rutineiro.

Leopoldo López, que nestes momentos reside en Madrid tería saltado o peche perimetral de Galicia, ó desprazarse sen unha causa xustificada e sen un documento que o acreditatase.

Unha versión que el nega a través das redes sociais. Vía Twitter, indicou que a súa viaxe a Galicia foi para reunirse con compatriotas seus.

Textualmente, di o chío, “Estou en Galicia reunido con compatriotas exiliados e vítimas da ditadura de Maduro”. Ao que engade, que non lle consta que o multasen nin que incumprise ningunha norma.

Unha afirmación que contradí a versión do Concello de Cambados, que indica que se lle abriu un expediente por considerar que os papeis que presentaron non xustificaban a viaxe. Foi a Policía Local cambadesa a encargada de tramita-la proposta de sanción, que agora se lle vai remitir á Xunta.

O líder opositor venezolano estaba acompañado na súa visita a Cambados de Jesús Silva Fernández, o exembaixador de España en Venezuela, quen posúe un dos chalés da urbanización de Raeiros, no Grove, sobre a que pesa unha orde de demolición.