A Pobra lembrará a María Mariño no ano en que se lle adican as Letras Galegas

    encarnagonzalez_100_020507.jpgPOBRA > O Departamento de Cultura da Pobra renderá homenaxe á figura da escritora noiesa María Mariño nas actividades do seu ‘maio cultural’.

    A concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal presentou en rolda de prensa as actividades que se van celebrar este mes na localidade para conmemora-lo Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á escritora noiesa María Mariño

     Encarnación González lembrou que o concello pobrés organiza tódolos anos unha serie de actividades nestas datas coa intención de atrae-la atención do maior público posible, tratando tamén de realizar unha programación dirixida a tódalas idades, dende pequenos a maiores. Precisamente ós máis pequenos dirixiranse boa parte das actividades, con sesións de contacontos, teatro, títeres e charlas lúdico-pedagóxicas coa finalidade de fomenta-lo uso da lingua galega e a lectura entre a poboación máis nova do municipio.

    As actividades destinadas ós adultos darán comezo o vindeiro día nove de maio coa inauguración ás oito e media da tarde na Casa de Cultura ‘Raquel Fernández Soler’ dunha exposición de esculturas do colectivo ‘Arteleria’ que estará aberta ata xuño.

    O día 12 ás nove da noite na igrexa do Castelo, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa da localidade terá lugar unha xuntanza de corais, na que ademais da coral anfitriona Abrente, participarán as corais de Matamá en Vigo e marusía de Bueu. O día 13 de maio o Grupo de Teatro Bradomín presentará ás oito e media da tarde no cine Elma a súa nova obra titulada ‘Unha rosa é unha rosa’ que servirá ademais de inauguración ás obras de mellora realizadas neste edificio.

    Ademais coma tódolos anos o día 17 de maio terá lugar unha actuación do Grupo de Gaitas e Danzas Caramiñas da Asociación de Amas de Casa no Cantón da Leña á unha da tarde. Para remata-la programación deste Maio Cultural o departamento de Cultura pobrés o día 18, Día internacional dos Museos, terá lugar no Auditorio Valle-Inclán,a presentación do libro ‘Cos ollos de nenos’ do escritor Pere Torabuela, a primeira novela en galego deste escritor catalán.

    Redacción Barbanza