VILAGARCÍA > Aproveitando a celebración da Virxe do Carme, a Armada programou un sentido acto que simboliza o peche da Comandancia de Marina de Vilagarcía, institución que tivo unha gran importancia durante moitos anos pero que últimamente perdeu gran parte do seu significado, especialmente trala aparición das capitanías marítimas e nova organización da Armada que suprimiu a antiga división marítimo- territorial.
O acto oficial de clausura comezou pasadas as doce e media na explanada da Comandancia, enfrente á alameda vilagarciana, e consistiu no arriado da bandeira de España e na imposición de varias condecoracións.
Así, homenaxeouse ó comandante naval Tomás Nodar Rey, a quen se lle impuxo a Cruz ó Mérito Militar con distintivo branco. Este acto significaba tamén para el o paso á reserva. Tamén se fixo efectivo o ingreso na Real e Militar Orde de San Ermenigildo con grado de Cruz ó Brigada de Máquinas Juan José Doce Yago e recibiu unha mención honorífica a axudante de Xestión e Servizos Comúns, María Angelines Expósito.
Entre as numerosas autoridades militares que participaron neste acto estaban estaba o almirante xefe de Acción Marítima de Ferrol, Gonzalo Sirvent Zaragoza, quen anunciou o paso do persoal á Comandancia de Vigo tras moitos anos de servizo en Vilagarcía. Efectivamente este acto supón o peche definitivo da Comandancia, anque a Armada terá aínda un mes para desaloxar o edificio.
Neste acto oficial participaron moitos alcaldes dos concellos que cubría a Comandancia arousana, como os da Pobra, Boiro, Pontecesures e por suposto a alcaldesa de Vilagarcía. Non faltaron outras persoalidades destacadas, como os presidentes da Cámara de Comercio e da Autoridade Portuaria, varios concelleiros de Vilagarcía ou o presidente da Asociación de Empresarios dos Vales do Ulla e Umia, Andrés Quintá.
A partir de agora este edificio situado na avenida da Mariña pasará a ser de titularidade municipal. Aquí se levará a cabo un dos grandes proxectos do PSOE, a Casa da Creatividade e a Memoria, que servirá para xestionar todo o relacionado co patrimonio municipal, como cuestións sobre rehabilitación ou conservación de oficios tradicionais. Tamén se ubicará aquí o arquivo histórico municipal que agora se atopa na casa consistorial e haberá unha zona destinada a aulas e obradoiros onde se poderán instalar tamén locais de ensaio e unha gran sala de exposicións. A remodelación do edificio compete a dúas concellerías, Patrimonio e Cultura, polo que os equipos de Marcelino Abuín e Castro Ratón terán que traballar conxuntamente para poñer en marcha este proxecto.
Redacción Salnés