Arde unha vivenda deshabitada no centro da Pobra

A POBRA> Un incendio calcinou por completo o interior dunha vivenda a pasada medianoite na Pobra. Foi precisa a intervención dos equipos de bombeiros de Boiro e Ribeira que, xunto con efectivos da Protección Civil da Pobra, traballaron na extinción do lume durante máis de tres horas.

As lapas propagáronse con moita rapidez posto que o inmoble tiña os pisos e teitos de madeira. Aínda que a vivenda, emprazada na céntrica Rúa Díaz de Rábago está deshabitada, é frecuentada por okupas polo que os bombeiros rexistraron minuciosamente cada estancia en busca de posibles ocupantes.

Afortunadamente no momento do incendio non se atopaba ninguén no seu interior. Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí