O PSOE de Outes denunciará á alcaldía por negalle o acceso ás contas públicas

manueltuas_100_020507.jpgOUTES > O portavoz socialista de Outes anunciou a súa intención de denunciar ó alcalde ante a fiscalía por impedirlle o acceso a documentación pública.

Segundo o voceiro municipal do PsdeG en Outes, Manuel Tuñas Calo, o goberno está a vulnera-los dereitos dos membros da oposición recollidos na lexislación vixente posto que se dificulta o acceso a unha serie de documentación.

Hai tres meses, o grupo socialista solicitou no rexistro xeral do concello unha copia dos orzamentos para 2007, sen que ata o momento obtivese resposta algunha. Ante o silencio administrativo, os socialistas están dispostos a denunciar ó actual alcalde, Carlos López Crespo, diante da fiscalía por ‘impedirlle o exercicio dos seus dereitos como representantes dos cidadáns e negarlle o acceso ás contas’.

O voceiro socialista lembra que esta non é a primeira vez que acontecen feitos deste tipo afirmando que ‘antes da aprobación dos orzamentos tamén se lles negou unha copia do documento para poder estudalo en profundidade para o seu debate en pleno’.

Tuñas Calo di descoñecer os motivos polos que o alcalde impide o acceso á documentación orzamentaria e dubida de se haberá ‘algo grave que ocultar’. Por iso, os socialistas estableceron un prazo de cinco días para a presentación do documento; de non ser así, emprenderán accións xudiciais.

‘Manobra electoral’

concellooutes_200_020507.jpgPola súa banda, o rexedor outiense sostén que as acusacións dos socialistas son ‘absolutamente falsas’ xa que teñen á súa disposición toda a documentación municipal. Os responsables do departamento de intervención xa informaron en pleno ó grupo socialista de que poden acceder ó documento orzamentario en soporte informático aínda que non é posible facilitar unha copia en papel debido á súa gran extensión. De feito, nin sequera o grupo de goberno dispón dunha copia impresa.

López Crespo considera que as acusacións do PSOE constitúe unha manobra política de cara ás eleccións municipais e non amoa ningunha preocupación ante a ameaza de denuncia posto que o Outes vén figurando, durante os últimos anos, na relación de concellos elaborada polo Consello de Contas que presentan os seus orzamentos en tempo e forma.

Redacción Barbanza