O IES Coroso organiza unhas xornadas de habilidades sociais para os pais

    RIBEIRA > O departamento de Orientación do IES Coroso vén de organizar, por segundo ano consecutivo, un programa de formación para nais e pais. Nestas xornadas abordaranse problemas cotiás que xorden na relación cos adolescentes.

    O Programa de Habilidades Sociais para a Vida (PROHAVI) deseñado polo Departamento de Orientación do IES Coroso ten por obxectivo o tratamento de temas que non figuran nos programas educativos pero que si son de gran utilidade para o desenvolvemento da personalidade dos adolescentes.

    Por iso, durante todo o ano os alumnos participan en diversas actividades encamiñadas á adquisición de habilidades sociais, resolución de conflitos ou prevención de condutas de risco. Ademais do traballo realizado cos rapaces, o departamento de Orientación e a dirección do instituto decidiron involucrar ós pais dos alumnos coa organización dun programa de formación que inclue mesas redondas e charlas a cargo de expertos sobre varias das problemáticas que afectan ós mozos en idade adolescente.

    A primeira das actividades terá lugar o mércores ás seis da tarde na biblioteca do centro e consistirá nunha mesa redoda que, baixo o epígrafe S.O.S. adolescentes, abordará problemas cotiás das relacións entre pais e fillos como os horarios de saída, o botellón ou o acceso ós contidos de internet. Nela participarán dous representantes dos alumnos, dous pais e un mestre do IES Número 1.

    Os vindeiros mércores do mes de maio desenvolveranse diversas ponencias: a primeira, a cargo da psicóloga María Martínez Cortizo, versará sobre a resolución de conflitos,a comunicación e as responsabilidades no fogar. O mércores 23 a psicóloga da asociación Renacer, María García, abordará a sexualidade na súa charla e para finalizar as xornadas, a nutricionista Aurora Cecilia Casais, abordará a detección dos trastornos da alimentación o mércores 30 de maio. Todas elas desenvolveranse en horario de 6 a 8 na bilbioteca do cento e están abertas á participación de todo o público que o desexe.

    Este programa formativo dirixido ós pais xa se desenvolveu o ano pasado dun xeito máis específico posto que se centraba fundamentalmente na prevención das drogodependecias. O gran éxito acadado nesa primeira iniciativa unido á crecente demanda dos pais por implicarse na educación dos fillo fixo posible a continuidade do programa.

    Redacción Barbanza