As melloras na Rúa Ceuta incluirán a renovación da rede de saneamento

    ruaceuta_100_301006.jpgRIBEIRA > O concello incluirá a renovación da rede de saneamento no proxecto da Rúa Ceuta.

    Xa a pasada semana, o grupo municipal do BNG presentara unha solicitude demandando ó executivo a substitución da obsoleta rede, que foi instalada hai máis de corenta anos. Aínda que nun principio os técnicos municipais consideraban que se podían manter as tubaxes actuais, o executivo decidiu cumprir a solicitude realizada polo BNG para acometer o acondicionamento integral da rúa.

    Deste xeito, ademais da pavimentación da rúa, tal e como estaba previsto, procederase á renovación das redes de saneamento e de pluviais coa construción dos pozos de rexistro, sumidoiros e arquetas para válvulas.

    Esta actuación permitirá resolver os problemas xurdidos a causa das avarías na rede de subministro de auga, procedéndose á renovación de tubaxes e acometidas a vivendas.

    O proxecto tamén contempla un sistema separativo de pluviais e fecais para que non se produzan problemas na rede de saneamento nin vertidos.

    Estas obras inclúense no proxecto de pavimentación da Rúa General Espartero e adxacentes, que ten un orzamento previsto de máis de cento quince mil euros. Deste xeito, o excutivo continúa co seu plan de mellora do casco urbano de Ribeira, dotando de mellores servizos ás principais arterias da cidade.

    Redacción Barbanza