Uns 200 piragüistas disputarán a Baixada do Umia

baixada_umia250.jpgSALNÉS> Ribadumia volve a acoller esta fin de semana unha proba do calendario galego de piragüismo. O domingo disputarase a Baixada do Río Umia, que cumpre xa 16 anos. Xa hai uns douscentos padexeiros inscritos nesta proba, que puntúa para a Copa Galega de Ríos e Travesías.

A saída está prevista para as seis da tarde na praia fluvial de Portas e a chegada será, coma sempre, na ponte de Cabanelas, en Ribadumia. Haberá dúas metas voantes situadas no paso do río pola ponte de Pontearnelas, que levan os nomes de José Manuel Torres Iño e José Ramón Serantes Peke, os dous ex palistas falecidos ós que homenaxea o Náutico O Muíño. Entran en xogo as categorías sénior, xuvenil e cadete nas modalidades de K-1 e C-1 tanto masculinas como femininas.

Participarán en total 22 clubs, entre eles o Piragüismo Illa de Arousa, que defenderá o título acadado o ano pasado. Nesta edición trae a 24 deportistas. Tamén estarán na liña de saída os padexeiros do club organizador o Náutico O Muíño de Ribadumia, que tratará de repetir o triunfo por equipos acadado hai dúas edicións. Unha das novidades é a presenza do Breogán do Grove, e tamén estarán outros clubs do Salnés, como As Torres de Catoira, o Liceo de Vilagarcía, o Cambados e o Portonovo.

SLALOM

Pola súa banda, no río Ulla dispútase mañá e pasado a cuarta regata da Copa de España de Slalom, Trofeo Concello de Padrón, que puntúa para a Liga Nacional de Slalom Olímpico. A Federación Galega de Piragüismo augura un espectáculo deportivo de alto nivel. Entre os 150 padexeiros inscritos destaca a presenza de Mario Fontán e Antía Loira, promesas do slalom galego.

Tamén estará o kaiakista vasco Joan Crespo e o canoísta catalán Jordi Domenjo, ambos medallistas no último campionato do Mundo. A selección portuguesa tamén participará cos seus mellores deportistas. A competición iníciase mañá ás 11 da mañá e as semifinais e finais serán o domingo a partir das 9 da mañá.

Redacción Salnés