Esperanza Salnés nomea Socio de Honra a Louzán no X Aniversario

    esperanzasociohonralouzan100_150507.jpgCAMBADOS > O presidente da Deputación Rafael Louzán foi nomeado socio de honra da asociación Esperanza Salnés.

    A Asociación Esperanza Salnés de Cambados cumpre 10 anos de historia con palabras de agradecemento a un dos seus principais benefactores. A Xunta Directiva acordou nomear socio de honra a Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, polo apoio económico dado á entidade e que lle permitiu subsistir ó longo desta época. A última achega recibírona o pasado 30 de abril, coa firma dun convenio de 90.000 euros.

    Para o presidente da Deputación as administracións deben estar preto e colaborar nestas situacións tan difíciles que lles toca vivir ás familias con fillos discapacitados. ‘Hai causas nobres pero esta é das máis importantes, por eso sempre estarei cerca de vós’, engadiu Louzán.

    Ó longo desta década de historia foron moitos os sufrimentos que padeceu a asociación para manterse en pé. O xerente agradeceu non só o apoio da Deputación, senón tamén das achegas solidarias dos concellos do Salnés. Pero tamén ós pais e ós profesionais que traballan para mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas, afectados por problemas físicos ou psíquicos.

    Redacción Salnés