Dous candidatos ó ascenso visitan os campos do Salnés

futbol250_161009.jpgSALNÉS> Céltiga e Vilalonga volven a xogar na casa. Os dous reciben a dous conxuntos moi complicados, ambos candidatos a meterse na fase de ascenso. O Ourense vista San Pedro e o Alondras o Salvador Otero.

Duro compromiso o que ten por diante o Vilalonga esta fin de semana. O Ourense visita San Pedro, un equipo que se quedou ás portas da 2ªB o ano pasado e que este non quere errar. Comezou dubitativo e rendeu por debaixo do agardado ante Depor ‘B’ e Coruxo, rivais fortes ante os que caeu, pero agora se ven recuperando e con dez goles marcados nos últimos dous partidos son unha auténtica ameaza para os celestes.

O Vilalonga pola súa parte, busca facerse forte, sumar outros tres puntos que lle sigan dando tranquilidade e marxe de erro. Que este ano baixen catro directos non semella preocupar moito no seo do equipo pero o certo é que canto antes se sumen os puntos, mellor. Chega a este partido en clara liña ascendente, xogando peor futbol pero moito máis práctico. As súas opcións pasarán por aproveitar as poucas ocasións que lle deixe ter o Ourense e por non cometer erros atrás. A dianteira vermella, comandada polo canteirán do Real Madrid Adrián Quintairos, é todo un perigo.

Gabi Leis non poderá contar para este encontro con Manu Rodríguez, lesionado, Lozano, que arrastra molestias no xeonllo dereito e Diego Villaverde, que cumplirá sanción. Os tres únense ás baixas de longa duración de Suso e Costas. Portela non estara no Ourense e Barreal é dúbida.

Entre ambos equipos tan só existe na Terceira o antecedente do ano pasado, con victoria para os ourensáns por 0-2.

No Salvador Otero chega un partido interesante onde os haxa. Céltiga e Alondras miden o seu bo momento de forma. Os da Illa sabedores de que os partidos na súa casa será vitais este ano. De feito aínda non marcaron fóra mentres que no seu feudo son un dos conxuntos máis goleadores.

Enfronte, os de Fredi Álvarez que protagonizan un gran arrinque de temporada, sumando 17 puntos de 24 posibles que os coloca cuartos na xeral a día de hoxe. Todo iso grazas en parte ó gran estado de forma que vive o seu dianteiro Santi Domínguez, que ós 29 anos está a recuperar a súa mellor versión.

O balance histórico dos once encontros que no Salvador Otero disputaron Céltiga e Alondras sáldase con catro victorias locais, catro empates e tres triunfos visitantes. Os cangueses acuden ó choque con varias baixas por lesión mentres que no Céltiga Cardeñosa verá o encontro dende a bancada por estar sancionado.

Redacción Salnés