O emprego, a vivenda e a cultura artellan a política para a mocidade do BNG

    mocidadebngribeira_100_210507.jpgRIBEIRA > O BNG de Ribeira vén de presentar as propostas para a mocidade incluídas no seu programa electoral.

    Ademais de incluír na súa candidatura unha importante representación de xente nova, o BNG de Ribeira deseñou unha serie de políticas dirixidas á mocidade que pretende levar a cabo se accede á alcaldía a partir do día 27.

    A creación de emprego constitúe un dos eixos fundamentais desas políticas. Ademais da creación de postos de traballo,a través do polígono supramunicipal que está a poñer en marcha a Xunta de Galicia, o BNG ribeirés pretende levar a cabo plans de posta en valor da pesca artesanal e de desenvolvemento do medio rural.

    O BNG aposta tamén pola promoción de vivenda protexida para que a mocidade poida quedar a vivir en Ribeira en condicións dignas.

    O plan para a xuventude tamén inclúe a creación de espazos culturais e de ocio que favorezan o asociacionismo. Para elo, pretenden darlle á futura Casa da Xuventude un carácter aberto no que se desnvolvan todo tipo de actividades, entre as que se inclúe a promoción musical, a través da creación de locais de ensaio. Outra das propostas dos nacionalistas é a declaración do 24 de xullo, Día da Dorna, como festivo local.

    Redacción Barbanza