Medio Ambiente adxudica a rexeneración do entorno da fábrica de Castiñeiras

    RIBEIRA> O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente vén de adxudicar o acondicionamento ambiental do entorno da fábrica de Castiñeiras. Construcciones López Cao, S.L., resultou a empresa adxudicataria, cunha oferta de 505.901 euros, IVE incluído. A execución destes traballos permitirá non só a recuperación da zona na que estaba situada a antiga fábrica de Castiñeiras –hoxe en ruínas- senón tamén favorecer o seu uso recreativo deste estratéxico espazo a través da creación de áreas deportivas e de esparcemento e dunha rede de sendas. A zona de actuación ten unha superficie de 14.200 metros cadrados, cunha superficie construída aproximada de 5.500 metros cadrados. En primeiro lugar procederase á demolición da estrutura que aínda queda en pé e o acondicionamento do terreo en cuestión. Posteriormente se procederá á revexetación da zona e ao establecemento dos espazos previstos para uso público. Neste senso, crearase unha área deportiva que ocupará unha superficie de 1.120 metros cadrados e albergará unha pista de tenis de 15×32 metros e outra de futbito-baloncesto de 20×32 metros. Este recinto terá un pechamento metálico que quedará oculto tras unha pantalla vexetal formado por plantacións arbóreas autóctonas. Anexo ao mesmo instalarase unha praza de pavimento de formigón impreso que estará bordeada por un murete de mampostería que servirá así mesmo de miradoiro. Tamén será acondicionada a explanada situada fronte á antiga fábrica de salazón localizada no extremo sur, á que se lle proporcionará un acabado de pavimento natural terrizo.