O BNG de Ribeira reclama a mellora integral da rúa Sidreiras

RIBEIRA> O BNG levará ó vindeiro pleno unha demanda histórica dos veciños da zona das Carolinas, como é a instalación de beirarrúas na rúa das Sidreiras. Os nacionalistas tamén demandan a mellora da seguridade viaria, internet e a limpeza tanto nesta zona como en Deán.

O BNG carga de novo contra o equipo de goberno polo abandono ó que ten sometido segundo eles ás zonas rurais do municipio. Poñen como exemplo a situación que viven os veciños da rúa Sidreiras, que levan moitos anos agardando pola mellora da seguridade viaria na zona, coa instalación de beirarrúas. Para o voceiro desta formación política, Xosé Antón Vázquez Cobas, trátase dunha vella reivindicación dos veciños da zona. Pero non só iso, segundo el é necesario acometer tamén a renovación do firme da estrada, moi deteriorada polo paso diario e continuo de vehículos.

Os nacionalistas tamén se fan eco doutras demandas como son a mellora da conexión a internet e a limpeza de gabias e cunetas.