![]()
A ILLA > Un milleiro de veciños da Illa de Arousa reclamaron esta fin de semana na rúa que se lle recoñeza a singularidade ó seu concello. A Asociación A Beira do Mar contou ademais co respaldo de todos os partidos políticos con representación na corporación municipal.
A Illa de Arousa respondeu á chamada de A Beira do Mar para saír á rúa a reclamar que se recoñeza a singularidade a este municipio. Máis de mil veciños, segundo a policía e dous mil segundo a organización, partiron de Cabodeiro, o lugar onde se concentra un maior número de expedientes, e remataron diante da Casa Consistorial. A protesta contou ademais co respaldo de tódolos grupos políticos con representación no Concello.
Encabezando a manifestación, unha pancarta na que reclaman Paralizar os expedientes. Singularidade acorde á realidade. Foi unha marcha reivindicativa na que se escoitaron cánticos dedicados á conselleira de Política Territorial, María José Caride. Ó remate da marcha, o presidente de A Beira do Mar, Elisardo Paz, leu un manifesto no que fixo un chamamento a Caride para que visite A Illa e comprobe de primeira man os problemas que teñen estes veciños coa liña de protección de Costas. Cualificou os expedientes sancionadores de linchamento e avogou pola unión da Illa, ó tempo que agradeceu o apoio dos partidos políticos.
Redacción Salnés







