NOIA> O BNG presentou unha serie de preguntas no Parlamento ante a alta mortalidade de marisco rexistrada no que vai de ano. Ademais de volver demandar a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros, os nacionalistas aluden á necesidade de contar cun seguro colectivo fronte á perda de produtividade así como máis capacidade de produción de semente.
Aínda que a ría de Muros Noia é unha das máis prexudicadas, os episodios de mortalidade de marisco sucédense por tódalas rías galegas. As chuvias, que provocan un descenso da salinidade das augas, non son o único factor causante deste problema que case se volveu estrutural en toda Galicia.
Ademais de regular o baleirado dos encoros para minimizar a afectación e esixir responsabilidade civil ós responsables das empresas, os nacionalistas propoñen un seguro colectivo para o sector que permita afrontar as perdas pola baixada da produtividade.
O BNG volve incidir tamén na escasa capacidade de produción de semente que presenta Galicia con moi poucas instalacións que permitan dispoñer de cría en épocas de crise para favorecer futuras campañas.











