![]()
VILAGARCÍA > Barricas industriais con capacidade para 225 litros de viño, tractores ‘infinitamente variables’, que permiten a súa aplicación en distintos campos da agricultura, madeiras de piñeiro tratadas que posibilitan múltiples utilizacións na viticultura, produtos de vidro oco, estoxaría para viño que permite a visión do etiquetado ata 2,20 metros de altura, enxeñería para climatización de bodegas… son algúns dos avances que se deixarán ver en VINTECH. Salón do Viño. Técnicas e Equipamentos que se celebra no Recinto Ferial FEXDEGA de Vilagarcía de Arousa ata o luns.
Hidrolimpadoras, tapóns naturais, colmatados e sintéticos, protectores ecolóxicos de uva e carne (que dará a coñecer unha firma ourensana), postes de piñeiro tratados, tensores, arames e mallas, envases de cartón ondulado (e, ata, estudos de envases e embalaxes para calquera produto), contedores metálicos de volteo, soportes para barricas, rozadoras, trituradoras de sarmentos, aboadoras, gradas intercepas, fresadoras, depósitos de aceiro e, ata, tijeras de poda ou artigos menores… son outros dos produtos e servizos que están expostos en VINTECH.
Tampouco faltan na mostra asinas de enxeñería que desenvolven proxectos para a creación de novas bodegas ou de reestruturación das existentes, empresas dedicadas á climatización de bodegas, grupos de estabilización de viño ou equipos de control agroalimentario, así como sistemas de tratamento de augas e outras tecnoloxías vinculadas ao medio ambiente. O salón, de 5.000 metros cadrados de superficie de exposición, conta cun laboratorio no que os viticultores e bodegueiros que o desexen poderán analizar a acidez, o grado de alcohol e o XO2 dos seus viños. Desta forma, preténdese advertir aos profesionais das melloras susceptibles de introducir nos seus viños e aumentar a calidade de cada caldo.
Así mesmo, a feira está dotada dunha Escola dos Sentidos onde se ensinará a distinguir as distintas tonalidades de brancos e tintos, así como a apreciar os sabores acedo, doce, amargo, salgado ou astrinxente. Neste espazo, que fisicamente semella un túnel, tamén se mostrarán ata 25 aromas distintos de viño. VINTECH está aberto ao público de 10.30 a 19.30, ininterrumpidamente, ata o vindeiro luns, día 28. Trátase dunha feira mixta, na que se permite o acceso de profesionais e público xeral. O prezo da entrada é de cinco euros, aínda que a organización repartiu miles de invitacións a profesionais de toda España, para que acudan a coñecer as últimas novidades do sector.
Redacción Salnés








