![]()
VILAGARCÍA > O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Jesús Paz, deixará en breve este posto para incorporarse ó porto vigués co mesmo cargo. A conselleira de Política Territorial asinou este venres o nomeamento que será publicado no DOG nos vindeiros días. O aínda presidente do porto arousano asegurou que a decisión é froito dunha intensa reflexión persoal, profesional e política.
É o argumento de Suso Paz polo que acepta este posto cando rexeitou outro de gran relevancia na Xunta de Galicia. O actual presidente do porto vilagarcián leva traballando neste lugar 20 anos polo que o salto a Vigo, aínda que ilusionante, é triste. Asegura deixar moitos proxectos en marcha como a terminal de contedores, a instalación de Ros Casares, a consolidación dunha zona industrial preto do porto e, sobre todo, a retirada dos hidrocarburos da ría de Arousa.
Un obxectivo que pronto será realidade e no que agradece o apoio de tódolos colectivos para acadalo. Sobre o seu sucesor no porto vilagarcián nada se sabe. Aínda que se rumorea o nome do actual alcalde, Javier Gago, que pronto deixará o cargo no concello, o presidente non quixo desvelar nada e se limitou a asegurar que será alguén que continúe o proxecto integral deseñado para os portos galegos. Paz sabe que o porto de Vigo presenta varios problemas como a carencia de espazo e o colapso dalgún servizo que terá que afrontar.
Redacción Salnés









