O PSOE acusa ó PP de mentir sobre a falta de limpeza dos areais

    praiacompostela100_110607.jpgVILAGARCÍA > O PP denuncia abandono e falta de limpeza nas praias do municipio, mentres que o goberno local afirma …

    … que se limparon hai unha semana.

    O presidente do PP de Vilagarcía, Tomás Fole denuncia a falta de limpeza e aparencia de abandono dos areais da Concha Compostela e por iso pedirá explicacións ó Goberno Municipal. Segundo afirma Fole, a zona de baño está cuberta por restos de marea, botellas, plásticos e lixo de diverso tipo. Unha situación que cualifica de inxustificable. Para o portavoz popular, o feito de que aínda non se teña constituído a nova Corporación non xustifica en absoluto esta deixadez. Fole lembra que as praias do municipio constitúen un elemento fundamental para o goce dos veciños pero tamén como atracción turística e, polo tanto, como desenvolvemento económico.

    As críticas xa foron contestadas polo PSOE, que afirma que ó longo da pasada semana e durante varios días, o persoal da empresa concesionaria de limpeza traballou na limpeza do areal con maquinaria específica. O goberno local di que Fole falta á verdade e anímao a unir esforzos para conseguir que a Deputación de Pontevedra contrate o persoal de praias comprometido. Segundo indica o portavoz do grupo municipal socialista, Francisco de la Barrera, a Deputación comunicoulle ó Concello que o 1 de maio 5 persoas empezarían a traballar no concello dentro do Plan de Limpeza, pero a día de hoxe aínda non foron contratados.

    Redacción Salnés