O Polígono de Nantes, en Sanxenxo, ponse en marcha

SANXENXO> O Polígono de Nantes, en Sanxenxo, ponse en marcha. Despois de anos de parálise, esta mañá tivo lugar o acto de recepción do parque entre o Concello e os membros do Consello Rector da Xunta de Compensación. O alcalde cualificou de histórica a xornada, defendendo que o Polígono permitirá diversifica-la actividade económica do municipio e da súa contorna.

O Polígono de Nantes xa está en marcha. Despois de anos de parálise, esta mañá tivo lugar o acto de recepción do parque. Deste xeito, o Concello pasa a ser titular de 40.000 metros cadrados de parcelas urbanizables, máis de 76.000 metros cadrados de zonas verdes, 14.000 metros cadrados de parcelas destinadas a equipamentos municipais de uso público e máis de 7.000 metros cadrados para equipamentos urbanos.

En total, o parque empresarial abarca unha superficie de 650.000 metros cadrados. Os seus promotores investiron na súa urbanización máis de 16.000.000 de euros. O polígono foi construído 100% con cartos privados, sen implicación da administración.

O alcalde de Sanxenxo cualificou de histórica esta xornada na que se materializou a recepción do parque. Para Termo Martín o polígono de Nantes permitirá impulsar unha nova actividade económica no municipio.

O rexedor entende que do desenvolvemento empresarial do propio parque dependerá o futuro de moitos veciños do concello e da contorna, como persoas desempregadas ou mozos que busquen, por vez primeira, un emprego.

Calcúlase que o Polígono de Nantes poderá dar emprego a 4.000 persoas.