O xuíz decreta liberdade provisional para a moza de David Pérez Lago

    davidperezlago100_080607.jpgCAMBADOS > Liberdade provisional para Ana Isabel Briz e a súa nai, implicadas na trama de branqueo de diñeiro, …

    … que supostamente dirixe o fillastro de Oubiña David Pérez Lago. A compañeira sentimental de David Pérez e maila súa nai compareceron esta mañá en Cambados ante o xuíz que investiga a Operación Roble. Tamén esta mañá prestou declaración David Pérez, que xa foi trasladado a prisión.

    David Pérez Lago regresou a prisión. O fillastro de Oubiña foi levado sobre as dez desta mañá ante o titular do Xulgado Número 2 de Cambados, Juan Carlos Carballal, como presunto responsable do grupo detido baixo a operación Roble. O mozo chegou esposado e tratou de cubrirse a cara para evitar ser fotografado. Estaba previsto que fose trasladado ó longo desta tarde desde o cárcere da Lama á penitenciaría de Teixeiro, en Curtis, A Coruña, onde cumpre unha condena de seis anos e nove meses pola súa relación cun alixo de haxis.

    Esta mañá tamén pasaron a disposición xudicial a compañeira sentimental de David, Ana Isabel Briz e máis a súa nai. As dúas mulleres foron detidas esta semana en Madrid e Salamanca, e figuran entre as persoas que actuaban como testaferros, porque estaban á fronte de sociedades patrimoniais que carecían de actividade comercial, a pesar de que presentaban uns investimentos e gastos millonarios. O xuíz decretou para elas liberdade provisional, polo que deberán comparecer periodicamente no xulgado.

    En Cambados declaran desde os últimos días, ademais dos 13 detidos nesta Operación Roble, unha vintena de persoas que están imputadas pola mesma causa. Polo momento, 12 dos arrestados quedaron en liberdade con cargos. De momento, non se esperan máis detencións. Esta operación contra o branqueo de diñeiro do narcotráfico, supuxo ademais o embargo de 23 inmobles, o bloqueo de numerosas contas bancarias e a intervención de embarcacións e vehículos de gran cilindrada.

    Redacción Salnés