Os veciños de Santa Cruz reclaman máis melloras na instalación eléctrica

    veciossantacruz_110607.jpgPOBRA > A compañía de elctricidade Unión Fenosa iniciou hai uns días a renovación do tendido eléctrico na zona de Lesón-Quintáns.

    A Consellería de Industria cumpriu así o compromiso inicial adquirido polo delegado provincial nunha visita á zona aínda que queda pendente a colocación dun transformador, actuación que se verá retrasada posto que foi preciso recorrer á expropiación.

    Os veciños de Santa Cruz de Lesón levan máis de tres anos sufrindo constantes baixadas e subas de tensión debido ás deficiencias que presenta o actual tendido eléctrico, insuficiente para toda a poboación que habita nestes núcleos. Ás molestias derivadas desta situación na vida cotiá, que lles imposibilitaba tarefas tan sinxelas como ve-la televisión, encende-lo ordenador ou poñer a lavadora, hai que engadir as constantes avarías rexistradas nos electrodomésticos debido ós cambios bruscos de tensión.

    Despois de que a Asociación de Veciños de Santa Cruz reclamara a mellora da instalación en innumerables ocasións, a Consellería de Industria fíxose cargo finalmente dos seus problemas e hai uns día Unión fenosa iniciaba as obras de mellora.

    Necesidade dun transformador

    Ademais da renovación do tendido, a asociación de veciños solicita a colocación dun transformador na entrada de Lesón que garanta o normal funcionamento do servizo. Sen embargo, esta actuación verase retrasada debido á negativa dos propietarios de cede-la parcela, duns catro metros cadrados, onde estaría ubicado o transformador, o que obrigou a recorrer á vía da expropiación.

    Mentres tanto, e á espera de que se restableza o servizo con total normalidade, a asociación de veciños de Santa Cruz solicitará á compañía responsable da instalación eléctrica que se faga cargo da reparación dos electrodomésticos avariados, posto que nalgúns casos as facturas chegaron a supera-los dous mil euros.

    Redacción Barbanza