![]()
SALNÉS > Quedan a penas cinco días para a constitución das novas corporacións municipais e a Xunta Electoral do partido xudicial de Cambados xa recibiu renuncias dalgúns dos edís electos. É o caso de Manuel Fernández, número 2 do PSOE en Vilanova, e de Francisco Hernández e Ana Cancela, 2 e 3 respectivamente do PSOE de Sanxenxo.
Manuel Fernández, número dous do PSOE de Vilanova, non ocupará o seu posto de concelleiro na vindeira corporación municipal. Segundo confirmou a Tele Salnés Barbanza a Xunta Electoral do partido xudicial de Cambados, Fernández presentou a renuncia a este cargo. O número dous dos socialistas vilanoveses estivo en entre dito desde o seu nomeamento. A súa inclusión na lista de Rodrigo Santiago molestou tanto a militantes e simpatizantes do partido como a veciños polos problemas que ten cun comerciante da vila, que lle acusa de ter unha débeda con el.
Todo isto reflectiuse o pasado día 27 de maio nunha baixada en Vilanova centro de máis cen votos, xustamente o lugar que representaban tanto o número 1 como o 2 do PSOE. A baixada foi xeral en todo o municipio, dun total de 326 votos menos que hai catro anos, o que provocou que os socialistas perderan un dos 4 edís que tiñan na corporación, que foi parar ó seo do BNG. Froito desta situación, a pasada semana a executiva do partido fixo balance e provocaría a renuncia de Manuel Fernández, que xa non tomará posesión o vindeiro sábado. A súa vacante sería ocupada pola seguinte na lista, Inmaculada Chantada. T
amén houbo renuncias no seo do partido socialista de Sanxenxo. Dulcinea Aguín estará finalmente acompañada nesta lexislatura por Manuel Lores e José Ramón López. Os electos Francisco Hernández e Ana Cancela renunciaron á súa acta, molestos polo tratamento que recibiron na asemblea do partido a pasada semana. Unha das vacantes debía ser ocupada por Carmen Ameijeiras, número 5 da lista pero xa había un acordo previo de renunciar en caso de saír elixida.
Redacción Salnés








