Ribadumia despídese do Tinto pensando xa na celebración dos seus 50 anos en 2023

RIBADUMIA> Ribadumia despediu por todo o alto o regreso da Festa do Tinto do Salnés. Centos e centos de persoas déronse cita nun evento que, tras dous anos, puido recupera-la súa esencia. Ademais do nomeamento de valedores e a entrega de premios da cata, tampouco faltaron as orquestras, a gastronomía e moitas outras actividades pensadas para tódolos públicos.

Ribadumia volveu gozar do Tinto e fíxoo, ademais, por todo o alto. Logo do parón da pandemia, a festa volveu recuperando todo o seu esplendor, con centos de persoas rendendo tributo ao produto estrela dunha festa que acariña o medio século de historia.

Nesta edición foron nomeados sete valedores, que recibiron o seu correspodente diploma acreditativo. Foi nun acto no que tamén, coa cata final, se desvelaron os nomes dos gañadores do concurso de viños deste ano. A xornalista Fátima Mella foi a encargada de da-lo pregón. Deu 49 razóns para vivir este festa, unha por cada edición que leva ás súas costas.

Tamén volveu o xantar de confraternidade, con polbo, carne ao caldeiro e os clásicos amorodos con tinto. No concello celebran a recuperación do evento, tras dous anos moi duros.

A festa trouxo tamén de volta a música á localidade, con charangas e moita animación polas rúas de Barrantes. Tamén o regreso das grandes orquestras, que congregaron a centos de persoas. Unha vez superada esta edición, en Ribadumia pensan xa na do ano que vén: será, sen dúbida, unha das máis especiais dos últimos tempos, ao conmemorarse os 50 anos dunha festa referente na nosa contorna.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí