As operacións inmobiliarias descenderon en Galicia case un 20 por cento

    edificiosenconstrucion_100_130607.jpgBARBANZA > No último ano a compra e venda de pisos diminuiu en Galicia en case un 20 por cento e no primeiro trimestre de 2007.

    Pero a redución das operacións inmobiliarias non é exclusiva de Galicia senón que se está a rexistrar unha tendencia á baixa en toda España, cun descenso medio do 11’5 por cento no primeiro trimestre deste ano, segundo os datos feitos públicos polo Colexio de Rexistradores.

    Aínda así Galicia é unha das comunidades nas que máis caeu a venda de pisos, soamente superada por Aragón. Pola contra, Madrid, Barcelona e Valencia seguen á cabeza da actividade inmobiliaria, aínda que tamén de deixou sentir o descenso.

    Pero a pesar de que cada vez son menos os galegos que se atreven a adquirir unha vivenda en propiedade, os que si o fan deben adicar un promedio de 28 anos a paga-la súa hipoteca, dous meses máis que a media española.

    Prezos abusivos e salarios moi baixos

    Para os habitantes do Barbanza, as principais causas que están a provocar esta nova tendencia no sector da construción son os prezos, na súa maior parte prohibitivos, e os baixos salarios. Algúns tamén atribúen a dificultade para acceder a unha vivenda á afluencia de turismo que se rexistra en Arousa Norte durante o verán. As persoas procedentes doutras comunidades con maior poder adquisitivo optan, cada vez máis, pola compra dunha vivenda en lugar do aluguer.

    A pesar de que a redución da actividade é evidente tanto na vivenda nova como na de segunda man foi na primeira onde se produciu un descenso máis acusado. Pola contra, o prezo medio da hipoteca segue a subir, superando ne Galicia os 114 mil euros.

    Redacción Barbanza