O GROVE > José Antonio Cacabelos será o alcalde do Grove nos vindeiros catro anos. Esta tarde asinouse o pacto de goberno…
… entre os candidatos do PSOE, BNG, Partido Galeguista e Esquerda Unida. Os catro socios de goberno destacaron a vontade de diálogo que tiveron nos últimos días e de traballar polos veciños a partir de agora.
Deste xeito selábase esta tarde o ‘Acordo para a constitución dun goberno estable para o Grove, no mandato 2007 – 2011’. Así se encabeza o documento asinado polo PSOE, BNG, Partido Galeguista e Esquerda Unida. Este pacto permitirá ó socialista José Antonio Cacabelos tomar posesión como alcalde este sábado. Segundo indicou o futuro rexedor, ‘a votade foi, é e vai ser poñer os intereses dos veciños por riba das diferencias das formacións’.
Pola súa banda, o responsable do BNG Carlos Álvarez Besada amosou o seu compromiso e seguridade de que este pacto irá adiante e marcouse como obxectivo facer realidade as demandas da sociedade do Grove. Para o futuro edil do Partido Galeguista, Alfredo Bea, este acordo daralle ó Concello ‘a estabilidade que os veciños se merecen’. Máis preciso foi o representante de EU Xan Lamelas, quen lembrou que con esta firma ‘conseguimos tirar do goberno a un partido – o PP – que durante 8 anos trouxo a desidia e o caciquismo ó noso municipio’.
O documento asinado hoxe esclarece o reparto de competencias. Os socialistas quédanse coa Alcaldía, Economía e Facenda; Turismo, Educación, Medio Ambiente, Obras e Servizos, e Sanidade e Servizos Sociais. O BNG terá a 1ª Tenencia de Alcaldía, Vivenda e Solo, Industria, I+D+I e Comercio; Mercados, Mar e Transporte Urbano; Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística; e Igualdade e Benestar Social. O PG leva a 2ª Tenencia de Alcaldía, e as concellerías de Deporte, Seguridade Cidadá e Emerxencias, e Recollida do lixo urbano; mentres que EU queda coa 3ª Tenencia de Alcaldía, e as carteiras de Emprego, Formación e Persoal; e Mocidade.
URBANISMO
Polo que respecta a Urbanismo, en principio está adscrita á alcaldía pero entra dentro das competencias delegables, das que se encargará a Xunta Local de Goberno, da que formarán parte o alcalde máis un edil do PSOE, 2 do BNG, un do Partido Galeguista e outro de Esquerda Unida. No documento indícase ademais que o PXOM e Urbanismo serán a máxima prioridade de xestión municipal do Equipo de Goberno.
Outras xestións prioritarias serán a procura de chan industrial, o acceso á Vivenda Protexida, Infraestructuras como Centro de Saúde, Centro de Día, Desdobramento da Vía de Alta Capacidade do Salnés, depuradota, porto deportivo, ou Edificio de Usos Múltiples. Favorecer a participación cidadá coa creación dos Consellos Locais Sectoriais tamén forma parte da axenda prioritaria do cuatripartito.
Na vindeira lexislatura terán dedicación exclusiva o alcalde, un edil do BNG e mailo do Partido Galeguista. E para a Mancomunidade, os representantes serán o alcalde, un concelleiro do BNG e outro da oposición.
Redacción Salnés