O Salnés toma conciencia da loita contra a explotación sexual da man da activista Mabel Lozano

CAMBADOS> A coñecida activista Mabel Lozano foi a protagonista do acto central do 8M impulsado pola Mancomunidade do Salnés. A tamén cineasta ofreceu en Cambados unha charla sobre a prostitución. No acto proxectáronse tres das súas curtas, que abordan a trata de mulleres e a explotación sexual. Ademais dun acto aberto á veciñanza en xeral, mantivo tamén un encontro co alumnado de secundaria.

Mabel Lozano é un dos grandes referentes en España na loita contra a prostitución e a trata de mulleres. A escritora e cineasta participou en Cambados nos actos de conmemoración do Día da Muller organizados polo CIM da Mancomunidade. A activista encabezou  un faladoiro centrado na explotación sexual, algo -explicou- demasiado normalizado na sociedade. En declaracións á Canal Rías Baixas, puxo como exemplo a realidade que viviu ela mesma na súa vila cando era pequena.

A activista, gañadora de dous premios Goya polas súas curtas centradas nesta temática, pon o foco na necesidade de achegar a problemática da prostutición e a trata de mulleres á rapazada. Traslada o centro da cuestión á internet.

Nesa liña, Mabel Lozano mantivo un encontro con rapazada de secundaria de Cambados, que tivo tamén a oportunidade de visionar tres das súas curtametraxes. Logo ofreceuse un acto semellante aberto ao público xeral. Para as responsables do CIM mancomunidade, actos moi necesarios.

Apoiando tamén esta xornada estivo o presidente da Mancomunidade.

Mabel Lozano, fíxose popular nos anos 90 pola súa faceta de actriz e presentadora; pero leva xa máis de dúas décadas traballando como activista dos dereitos das mulleres a través dos seus libros e documentais.