O Festival Revenidas xerou máis de 700.000 euros en Arousa

VILAGARCÍA> O Festival Revenidas xerou un impacto económico de 711 mil euros en Arousa. Así se recolle nun informe impulsado por Agadic, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. O estudo baséase en 1.230 enquisas directas realizadas durante a cita, que ademais conta cunha valoración superior ao 8 entre os asistentes.

A estas alturas, ninguén dubida do arraigo social do Festival Revenidas en Vilaxoán. Pero ata o de agora, non se contabilizara o impacto económico que a cita ten na comarca. Hoxe, o Agadic presentou un estudo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que cifra en 711.000 euros este retorno para Arousa.

Estes datos obtéñense da análise de 1.230 enquisas directas a asistentes do festival, ademais das cifras que achega a organización do Revenidas. Segundo explican, que a cita combine actividades gratuítas coas de pago, dificulta a recollida de datos, ademais de favorecer a heteroxeneidade do público.

O festival aproba con nota: os asistentes puntúanno cun 8,2 de media. A localización e a súa integración na contorna é o valor mellor valorado. A zona de acampada, o que menos.

O informe forma parte das accións desenvolvidas baixo a marca da Xunta FEST Galicia, para promover Galicia como destino musical.