Noia clama contra a autorización de vertidos da mina de San Finx

NOIA> Noia foi un clamor contra a autorización de vertidos da mina San Finx. Centos de persoas concentráronse este sábado na alameda para instar á Xunta a dar marcha atrás nunha decisión que, din, poñería en risco o futuro económico de toda a comarca.

Ó berro de ‘Si á ría, non á mina’ centos de persoas clamaron en Noia contra a autorización de vertidos da mina de San Finx. Mariscadores pero tamén veciños, comerciantes e hostaleiros que pecharon os seus negocios para secundar a protesta contra unha decisión que, din, pon en risco a principal actividade económica da vila, da que dependen directa e indirectamente miles de postos de traballo en toda a comarca.

A bióloga da confraría de Noia expuxo os riscos que suporía o bombeo das augas das galerías subterráneas abandonadas e posterior vertido ó río Pesqueira favorecendo a acumulación de metais pescados como cadmio e zinc no principal banco de berberecho de Galicia que está ademais nun espazo natural protexido.

Dende a confraría, instan á Xunta a dar marcha atrás e revocar a autorización os vertidos. De non ser así recorrerán ó contencioso administrativo e seguirán adiante co calendario de mobilizacións.

Os patróns maiores do resto da ría así como o presidente da federación galega de confrarías amosaron tamén a súa total oposición á reapertura da mina. 

Ademais da ampla representación do sector do mar, na protesta déronse cita os principais responsables políticos a nivel autonómico. O secretario xeral do PSdeG e a voceira nacional do BNG apoiaron coa súa presenza a reivindicación dos mariscadores noieses.

Moitos rostros da política municipal, pero tamén autonómica, deixáronse ver na protesta deste sábado. Alcaldes de toda a comarca, concelleiros dos grupos de goberno e da oposición amosaron a súa unión en rexeitamento da mina. Os máximos responsables de PSdeG, Valentín González Formoso, e do BNG aproveitaron para reclamar á Xunta a paralización do proxecto ante o risco de contaminación da ría.

Pola súa banda, Ana Pontón, expresou a súa inquedanza non só polos vertidos contaminantes que se podan producir a raíz desta autorización senón tamén pola existencia das balsas mineiras existentes na mina que acumulan metais pesados que poderían liberarse dado as gretas e o mal estado que presentan as presas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí