VALGA > Case á mesma hora que hai dous meses, Valga reviviu o tráxico accidente ferroviario que lle custou a vida …
… a José García Bejo, Jesús Martínez Senín e Roberto Martínez Ríos.
Centos de persoas acudiron á homenaxe en memoria de José García, Jesús e Roberto Martínez no paso a nivel de Campaña, en Valga. Non houbo palabras pero o silencio que marcou a cerimonia só foi interrompido polos laios dos familiares e polo paso de dous trens rexionais. Ó pé da vía, onde hai dous meses perdían a vida os tres obreiros, descubriuse unha placa que recorda para sempre o triste suceso e que se converteu xa no símbolo da loita veciñal para lograr a eliminación dos pasos a nivel.
O monolito que acolle a placa alberga no seu interior case un millar de firmas, e xunto a el cun comunicato que lembra a loita de máis dun mes de tódolos veciños contra o perigo dos pasos a nivel. Para eles este monolito inaugurado onte será o símbolo desta loita, a machada de guerra que esperan non se volva a desenterrar. O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro anunciou que o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias se comprometeu a presentar nesta semana o borrador do proxecto para a construcción do paso elevado en Campaña. Mentres, na vía xudicial proseguen os trámites de investigación deste accidente ferroviario, no que parece que se atribúe a exclusiva responsabilidade ó maquinista.
Unha loita a de Valga, que está presente noutros puntos da comarca. O Concello de Catoira tamén se dirixiu estes días ó ADIF para denunciar fallos nas barreiras de seguridade do paso a nivel de Cedonosa. Mentres non se lle dea solución, esixe que o ADIF provea esta zona dun vixilante para previr accidentes.
Redacción Salnés