Carlos Guerrero renuncia á súa acta de concelleiro do PSOE en Vilagarcía

    VILAGARCÍA > O ata agora concelleiro de deportes de Vilagarcía alude a motivos de saúde para dar este paso que, asegura, está moi sopesado.

    Carlos Guerrero anunciou esta mañá que renunciaba á acta de concelleiro, unha decisión que colleu por sorpresa a moitos veciños de Vilagarcía. O antigo edil de Deportes alegou razóns de saúde para tomar esta decisión que cualifica de dura pero sopesada e necesaria á vista da súa situación persoal.

    Guerrero ven sufrindo unha situación de estrés que motivou a súa baixa como director do colexio Arealonga. Anque a melloría vivida nos últimos meses lle deu forzas para acepta-la cuarta posición ofrecida na lista do PSOE vilagarcián, agora non se sinte capacitado para levar a cabo o intenso traballo que esixe un goberno en minoría. Non nega que a situación xerada a partir do 27 de maio complica a situación.

    Estaba previsto que se fixese cargo da concellería de deportes pero tamén da de cultura, unha carga de traballo que Guerrero debeu considerar excesiva. Por iso decidiu deixarlle paso ó seguinte na lista, José Rafael Membrives Rojas anque o alcalde, Enrique León, non confirma que o novo edil vaia a asumi-las tarefas que tiña previstas para Guerrero. León tamén agradeceu hoxe a Carlos Guerrero a súa labor e asegurou comprende-las razóns que o levan a abandoar sendo unha gran perda para o grupo municipal debido á súa valía.

    Hai que recordar que Guerrero era un dos poucos membros da lista con experiencia de goberno e que se implicou moito na campaña, comparecendo incluso co mesmo León nalgunha rolda de prensa como ésta na que explicou os logros acadados en materia deportiva nos últimos anos e o programa de futuro. Un futuro que o ex concelleiro segue a ver cheo de posibilidades.

    Críticas do PP

    O certo é que a renuncia de Guerrero deixa ó goberno local de Vilagarcía nunha complicada situación. O alcalde non é capaz de chegar a acordo co BNG nin con EU, os que supostamente ían se-los seus socios de goberno e agora perde a unha das poucas persoas con experiencia no goberno local. Unha situación que o PP vilagarcián ven de criticar moi duramente.

    O seu candidato á alcaldía e presidente, Tomás Fole, considera que o alcalde non está a demostrar capacidade e fortaleza para dirixir as negociacións, mentres que o BNG ‘está a esixir o que non lle deron as urnas’ e EU ‘non tivo valentía para protagonizar o cambio de Goberno que prometeu aos cidadáns’. É a conclusión do PP vilagarcián sobre o que está pasando co presunto tripartito que ía gobernar o municipio durante estes catro anos.

    O PP lamenta que se estea a privar a Vilagarcía dun goberno estable a causa da ambición de poder das forzas que se dín chamar ‘progresistas’ nunhas negociacións que, en palabras de Fole ‘non progresan por discrepanzas no reparto do mando e do protagonismo’. Asegura que esto non é ninguna sorpresa xa que eles tiñan claro que o obxectivo deses partidos era acadar as maiores cotas de poder posibles e non darlle a Vilagarcía a estabilidade que precisa para avanzar.

    Tamén critica que o alcalde nin sequera estea nalgunhas das reunións o que evidencia o seu desinterese por formar goberno ou ben que o partido non confía nel, o que o deixaría nunha difícil situación para gobernar. Os populares esperan que a situación ‘se desbloquee polo ben de Vilagarcía’, sempre e cando ‘o resultado sexa un Goberno serio e estable e non un xogo de esixencias de mando e protagonismo’.

    Redacción Salnés