A marea vermella afecta xa a practicamente toda a Ría de Arousa

    descargamexillon_100_260607__still_001.jpgAROUSA > A toxina diarreica, DSP, afecta xa a toda a Ría de Pontevedra e practicamente a toda a de Arousa onde só están abertos 6 polígonos.

    As Rías de Arousa e Pontevedra continúan afectadas pola marea vermella, que afecta xa a toda Pontevedra e a case toda Arousa, onde só permanecen abertos os polígonos Vilagarcía A e B, Cambados E e A2 e A Pobra E e B. Están pechados por tanto máis de 30 polígonos onde non se pode extraer mexillón por rexistrar un nivel de DSP máis alto do permitido. Os productores confían en que nos próximos días comecen a abrir algunhas zonas pero polo momento parece complicado.

    descargamexillon_300_260607__still_002.jpgMentres tanto os que aínda poden saca-lo produto aproveitan para facelo. Na Illa atopamos esta mañá ó barco Vicente Mosquera de Rianxo descargando máis de 5 mil quilos de mexillón. Os seus traballadores aseguran que hai moito pedido pero quéixanse de que os prezos non suben e do escaso ‘compañeirismo’ que hai no sector, xa que moitos baixan os prezos ‘para aproveitar a sacar todo o produto antes de que se peche a súa zona’ e iso está a prexudicar a tódolos demais.

    Segundo Ramón Vicente, membro da tripulación do Vicente Mosquera, este ano a marea vermella apenas afectou (hai máis de seis meses que non se rexistra toxina) polo que a tempada foi boa e ‘os que tiveron mexillón puideron traballar ben’. Ésta época non é das mellores para a venda polo que o peche non preocupa en exceso a non ser que se prolongue demasiado no tempo.

    Redacción Salnés