Ribeira e Pobra: dous exemplos no incumprimento da normativa de vertidos

    edarpobra_100260607.jpgBARBANZA > ADEGA denuncia o tratamento das augas residuais urbanas en moitos concellos da zona.

     

    Segundo Adega a práctica totalidade dos polígonos industriais carecen de EDAR, algúns mesmo de sumidoiros, vertendo os seus residuos á depuradora pública ou directamente ó medio. Os membros deste colectivo ecoloxista consideran que casos como o da Pobra do Caramiñal, que en 10 anos leva xa dúas depuradoras, exemplifican o desprezo dalgúns empresarios polas leis, tendo segundo eles ‘barra libre’ para contaminar coa connivencia dos alcaldes e a pasividade de Augas de Galicia.

    Concellos infratores

    Adega fai mención a que o concello pobrés é un dos poucos que contan cunha ordenanza de Vertidos, do ano 2000, que fixa as calidades dos efluentes industriais antes de ser enviados á rede pública. En teoría, esta norma debería servir segundo os membros do colectivo ecoloxista para que as empresas acometeran unha pre-depuración antes de manda-los seus refugallos á EDAR. Malia a isto, o incumprimento por parte das industrias está sendo xeralizado e as reiteradas denuncias de veciños e ecoloxistas por cheiros, vertidos ou avarías, non conseguiron que en 7 anos o executivo local tomara medidas resolutivas.

    Nova EDAR

    Adega pon como exemplo tamén Ribeira, onde a construcción dunha nova depuradora motivada pola ineficacia da actual volve a crear na cidadanía unha gran controversia. Para os ecoloxistas se actualmente os vertidos industriais e urbanos se están a mandar case directamente ó mar, a través dun emisario de 4 km, a construcción dunha macrodepuradora centralizada ás portas dun Parque Nacional non parece ser a mellor opción.

    Segundo Adega Ribeira é outro dos concellos que teñen aprobada unha ordenanza de vertidos, e aínda así, as industrias do polígono de Xarás seguen vertendo libremente á rede pública, ocasionando continuos problemas de cheiros e ateigando a capacidade da actual depuradora.

    Por estas razóns para Adega, a solución a estes problemas pasa porque as industrias respecten as leis e fagan fronte ós custes de depuración en vez de trasladarllos á cidadanía. Segundo os membros deste colectivo ecoloxista non pode ser que un polígono industrial non conte con estación depuradora, que debería ser lóxicamente costeada polas propias empresas. Aínda así o que segundo eles resulta realmente intolerable a estas alturas é o desleixo e a pasividade que amosan algúns concellos á hora de facer cumpri-las súas propias normas para salvagardar o medio ambiente, a saúde e os cartos de tódolos veciños, que son á fin quen deben paga-los desperfectos.

    Alegacións ó proxecto

    Adega vén de informar tamén que xa presentou alegacións ó proxecto da nova EDAR de Ribeira por consideralo insustentable medioambientalmente e inxusto socialmente. Segundo este colectivo non se pode admitir que unha instalación dimensionada para 80 mil habitantes, dos que aproximadamente 43 mil corresponden á poboación real e 40 mil ás augas industriais, se ubique ás portas dun Parque Nacional e en zona de ampliación da Rede Natura 2000.

    Redacción Barbanza