A Mancomunidade do Salnés ten mobilizados 11 millóns de euros en infraestruturas estratéxicas

O SALNÉS> A Mancomunidade do Salnés ten mobilizados 11 millóns de euros de investimentos en infraestruturas estratéxicas da comarca. Esta mañá o organismo comarcal fixo balance, destacando que dese importe xa se executaron máis de catro millóns, en melloras como a instalación fotovoltaica da ETAP de Treviscoso, reforzo da estación de bombeo de Ponte Arnelas, a reforma do CIM ou a compra da nave do que será o futuro centro loxístico da Mancomunidade.

A Mancomunidade do Salnés saca peito dos investimentos que xestionou este ano que agora remata en infraestruturas estratéxicas para a comarca. Hoxe fixeron balance, cifrando en máis de 11 millóns de euros entre o executado e comprometido.

Dese total, o importe executado ascende a máis de 4 millóns, salientando proxecto como a instalación fotovoltaica de apoio á estación de tratamento de auga potable de Treviscoso, cun investimento de máis de 82.000 euros, dos que a Xunta achegou o 60%.

Outro dos capítulos a destacar e a ampliación da infraestrutura de captación da auga potable, en Ponte Arnelas, redactado por fases. Alí mercáronse varias parcelas para a implantación doutra planta fotovoltaica ao tempo que se reforzou as instalacións xa existentes cun novo motor de propulsión.

Deste ano destacan tamén a remodelación das instalacións do Centro de Información á Muller mancomunidado, onde a Xunta investiu máis de 100.000 euros; a inslatación dunha rede comarcal de cargadores para coches eléctricos, financiado por Iberdrola, ou a compra da nave do que será o futuro centro loxístico da Mancomunidade, que se financiará grazas ao canon da rede de cargadores.

A maiores, indican, hai tamén comprometido outro millón de euros para a tubaxe da auga para O Grove. Un proxecto, aseguran, que se foi complicando por dificultades técnicas.